Thursday 02 de May de 2024

O festival Aquí Tamén se Fala traerá á praza da Tolerancia o 7 de xuño a artistas da talla de Grande Amore ou Boyanka Kostova


O concelleiro responsable da área de Cultura, Gonzalo Castro, salientou o impulso que o Goberno de Inés Rey está a dar á cultura en galego na cidade

O concelleiro Gonzalo Castro, responsable da área de Cultura, participou esta mañá na presentación da primeira edición do festival musical Aquí Tamén se Fala, que tivo lugar no IES Rafael Dieste, centro no que exerce o seu traballo o equipo promotor e coordinador da iniciativa, que conta co apoio do Concello.

O festival Aquí Tamén se Fala celebrarase o venres 7 de xuño na praza da Tolerancia, con entrada de balde, e contará coa presenza de grandes bandas de música en galego. Actuarán Grande Amore, Boyanka Kostova, Leria e Lontreira. O Goberno de Inés Rey promove esta inicia no marco das súas políticas de fomento da lingua galega e da expansión dos eventos musicais polos diferentes barrios da cidade.
“A Coruña ten e sempre tivo un forte vínculo coa lingua galega, que seguimos impulsando desde o Concello na súa vertente musical con iniciativas coma esta ou a celebración de grandes eventos como o concerto no Coliseum de Tanxugueiras”, indicou Gonzalo Castro. O edil celebrou que esta iniciativa partise da comunidade educativa da cidade e especialmente do IES Rafael Dieste, que xa conseguiu vincular a 200 centros de toda a comunidade. “Hoxe ese proxecto, que naceu nesta cidade, non só chega a 50.000 alumnos de centros educativos de toda Galicia, senón que tamén se suman grandes clubes deportivos, asociacións, entidades empresariais…Unha vez máis, como aconteceu no seu día co nacemento das Irmandades da Fala, A Coruña é berce de iniciativas únicas para a defensa e a promoción da nosa lingua”, indicou Castro.

Aquí Tamén se Fala é unha campaña de dinamización lingüística da mocidade estudantil que partiu dos profesores Arcadio González e Alberto Pombo e leva a cabo accións directas nos barrios e na contorna inmediata de cada alumno. O proxecto pon especial atención na música e a cultura galega, realizando gravacións e entrevistas que se divulgan en redes sociais. O seu obxectivo é rachar os prexuízos sobre a ausencia de falantes en galego en diferentes ámbitos da sociedade e do traballo.

O concelleiro explicou que Aquí Tamén se Fala é un proxecto en liña coas accións que está a poñer en marcha o Goberno de Inés, o primeiro goberno en aprobar no Concello unha ordenanza do galego, mais tamén o primeiro en apostar como o está a facer pola cultura propia: ·”No Noroeste dos anos 2022 e 2023 máis do 30% dos músicos que actuaron foron galegos, e nesa liña de promoción da nosa cultura seguiremos”, indicou Castro, quen recordou tamén, entre outros fitos, que na Coruña deu o seu primeiro concerto unha banda tan senlleira coom Milladoiro, no salón de actos dos Salesianos hai 40 anos, unha efeméride que se conmemorará neste 2024 cun concerto homenaxe no Pazo da Ópera.

Deja un comentario